O IV Urban Trail Solidario Polígono de Bergondo terá lugar o próximo sábado, 28 de setembro, concentrando no polígono industrial bergondés a centos de deportistas dispostos a colaborar cunha boa causa. Organizado polo Concello e a Comunidade de Propietarios do Polígono, este evento destinará o 100% do recadado ao Banco de Alimentos Rías Altas.
A proba, que conta coa colaboración do Club Atlético Bergondo e da Federación Galega de Atletismo, ofrece varias modalidades para participar: carreira de 6 km, 1 km, 500 metros e 100 metros, así como andaina de 6 km. Os participantes tamén terán a oportunidade de aportar un quilo de alimentos antes de comezar a carreira.
