Renovación convenio Deputación

A Deputación da Coruña e o Banco de Alimentos da Coruña asinaron hoxe un acordo polo que a institución provincial lle concede á entidade unha subvención de 100.000 euros para apoiar a compra de alimentos de primeira necesidade e a contratación de persoal que garanta o bo funcionamento do banco de alimentos. O acordo foi rubricado polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o presidente da entidade, Manuel Mora, no Pazo Provincial.

O presidente provincial destacou a importancia deste convenio como unha ferramenta clave para reforzar a cohesión social na provincia e apoiar ás persoas que máis o precisan. Subliñou que a achega da Deputación permite asegurar a continuidade dun servizo básico e de alto impacto social, indicando que «con este apoio económico contribuímos a que miles de familias teñan acceso a alimentos de primeira necesidade e a que a entidade conte cos medios humanos necesarios para desenvolver o seu traballo con eficacia e dignidade».

Pola súa banda, Mora agradeceu ao presidente da Deputación «o seu compromiso coas persoas que máis o precisan da provincia», destacando «a gran sensibilidade coas cuestións sociais» que demostra a Deputación.

Fonte: Novas – Servizos Sociais – Deputación da Coruña


Freeman Galicia