Mundo Piquelo, unha ebanistería creativa e artesá en Cabanas

Mundo Piquelo, unha ebanistería creativa e artesá en Cabanas

O ourensán Davide Piquelo ideou unha moblescultura, un proxecto para axudar ao banco de alimentos de Ferrol

Davide Piquelo identifícase como «cabanés de Molgas». Naceu no municipio ourensán de Baños de Molgas hai 39 anos e vive en Cabanas, onde instalou a súa ebanistería artesá. «Tiña unha carpintería máis ao uso, montabamos cociñas, armarios, tarimas… Pero cando naceu a miña filla maior, hai seis anos, intentei ser eu o que conciliaba, pero foime moi difícil, dábanme as tantas nas obras», conta. Na nave había un recunchiño máis creativo, «onde botaba os demos e as alegrías», e unha noite, algo superado pola vida, decidiu darlle unha oportunidade, viu «que aquel recunchiño se podía converter nun mundo». E aí xurdiu Mundo Piquelo, unha ecoebanistería creativa, sen poliuretanos nin vernices. «Todos os acabados son naturais, con cera das colmeas dun veciño de Molgas, cociñada no meu obradoiro, carnaúba de Brasil ou goma laca», explica.

Davide foise desfacendo das máquinas e volveu ás garlopas, ás trenchas e aos cepillos, ferramentas manuais para un traballo artesanal, o que perseguía, compatible con levar aos nenos ao taller. «Conseguino apoiándome na restauración de mobles, o que me permite sacar un xornal para poder facer as pezas que me pide o corpo». Ás veces parece que fai maxia e transforma unha cadeira vella nun colgadoiro ou un chineiro esquecido nun moble útil. «Mesturo pezas de mobles vellos… Intento gañarme a vida co que se fai e non con canto se fai».

Logo comezou cos cursos de restauración e creatividade e as alumnas propuxéronlle adornalo espazo para Nadal. E de materiais de refugallo naceron as #Enarboradas, bolas de madeira para enarborar o movemento feminista: «Unha encaixaba na outra e a que a suxeitaba tiña unha franxa morada, pola simboloxía». A idea era vendelas e entregar o recadado a un colectivo feminista, pero acabou sendo o xerme dunha biblioteca feminista itinerante (que vai ir por Cabanas, ao supermercado, á farmacia ou ao centro de saúde), coa colaboración dos Servizos Sociais do Concello; e dunha asociación, que se vai fusionar cun colectivo de nais «moi activas». Davide declárase feminista, «o máximo practicante posible».

Noticia en La Voz de Galicia


SoftwareONG.es