A quen mira por nós

Está rematando xa unha primavera que nos foi roubada. Ao mesmo tempo, comeza a recuperación da liberdade de movemento e camiñamos cara a fases menos restritivas de illamento social. Estes días daranse tamén pequenos pasos que reiniciarán con moitas restricións algúns sectores económicos que ficaban conxelados pola declaración do estado de alerta por mor da crise do Covid-19.

PRIMEIROS DE MAIO DO ANO DO CORONAVIRUS

A Economía con maiúsculas, a do capital supra-territorial, o que ten poder para tensar ao estado en calquera situación, fixo presión dende o principio para que a crise lle afectase o menos posible. Mentres, nas cidades e nas vilas as rúas estiveron baleiras e o consumo local caído durante case dous meses de establecementos e pequenos comercios fechados. Son os lugares comúns de toda crise, sempre. Debido a isto, e inversamente á sensación de liberdade e recuperación da normalidade que trae aire á maioría da poboación -a da chamada “des-escalada”-, a realidade é que estamos comezando unha escalada grave que nos conduce a unha crise de sustentabilidade da que aínda non chegamos a comprender a súa verdadeira dimensión.

Hoxe mesmo, nos nosos barrios, o illamento social e a falta de axudas están xerando xa situacións de crise humanitaria para moitas familias.

A SITUACIÓN TEN A ALGÚNS AXENTES SOCIAIS DESBORDADOS

As axudas do estado non dan cuberto todos os casos de persoas que xa estaban no límite e que agora durante o confinamento entraron en situación de pobreza. Alén diso, no horizonte albíscase unha treboada que chegará mais cedo que tarde: o momento en que propietarios de vivendas, bancos, empresas e o mesmo estado retomen o cobro de alugueres, créditos, recibos esenciais e impostos que foron adiados estas semanas. Para situarnos ben, lembremos que esta crise estalou xusto no momento en que a capacidade de aforro da poboación aínda era feble e hoxe hai moitos fogares nos que a carencia de axudas dificulta aos seus membros poder preservar dereitos básicos, como acceso a unha alimentación saudable, á electricidade, a educación ou a internet, entre outros.

A pé da crise, en Coruña hoxe os servizos sociais, tanto os oficiais coma o tecido asociativo civil, están ao límite ou desbordados. O banco de Alimentos, unha grande central encargada de recoller almacenar e entregar recursos alimentarios durante todo o ano para o resto de axentes sociais, está traballando a tope de rendemento ou por riba da súa capacidade. A comida que entra no Banco de Alimentos ven de doazóns privadas, de establecementos, grandes superficies e compras masivas de produto básico por parte do estado, entre outras. A Cociña económica, Cáritas, Protección Civil, reciben comida do Banco.

Javier, colaborador do Banco de Alimentos e encargado de recollidas de doazóns, asegura que “normalmente en Coruña ninguén queda sen comer e sen cama”, existen múltiples asociacións e fundacións traballando nunha rede de asistencia ás familias que inclúe acceso aos servizos sociais, alimento, asesoramento legal, ou teito. “Antes da crise atendíamos aproximadamente ao 10% da poboación da Coruña”, di Javier. “Sobre unhas 27.000 persoas. Agora nesta situación chegamos ás 35.000”. Xa dende os primeiros días da crise e con boa previsión, o Banco acadou un acordo con todas as institucións, de xeito que as axudas estes días non se filtran por listas baseadas en renda. Agora Servizos sociais pide e o Banco móveo, sen mirar a quen.

A comida no Banco recóllea protección civil, asociacións e grupos de voluntariado, que a fan chegar a quen a precisa. O concello concedeu precisamente estas semanas centos de permisos para voluntariado que realizan toda unha serie de actividades como esa: facilitar comida, desprazar a persoas necesitadas, etc. En teoría todo pasa polo 010 e os traballadores sociais, pero na práctica non chegan a todos os casos.

“Antes da crise atendíamos aproximadamente ao 10% da poboación da Coruña”, di Javier. “Sobre unhas 27.000 persoas. Agora nesta situación chegamos ás 35.000”.

Por sorte, unha parte da veciñanza da cidade acumula a intelixencia e experiencia colectiva necesarias que está tecendo na práctica unha rede de soporte á vida que axuda a paliar o impacto da recesión e o recorte de dereitos fundamentais que se están a vivir nos fogares coruñeses. Paralelamente aos servizos sociais oficiais, hoxe hai unha primeira liña de soporte para as persoas en situación de emerxencia, baseada na auto-organización veciñal e o uso social das tecnoloxías dixitais e colectivas.

Leer artículo completo aquí


SoftwareONG.es